Historia

A Asociación de Empresarios, Comerciantes e Traballadores Autónomos de Riveira, constitúese no mes de novembro de 1.979 como consecuencia da necesidade advertida por un grupo de empresarios da localidade, pertencentes a moi diversos sectores, de formar unha entidade con persoalidade xurídica propia cuxo obxetivo fose a defensa dos intereses comúns dos asociados ante os distintos organismos públicos e privados, así como a promoción da formación e información aos seus membros sobre aqueles aspectos de indubidable importancia para a súa actividade.

Dende aquela, moitos foron os proxectos realizados e impulsados por esta Asociación e, dunha ou outra forma, sempre estiveron presentes en cantas accións de progreso e desenvolvemento se executaron no seu ámbito territorial polos distintos organismos públicos e privados defendendo, promocionando, impulsando e velando, en todo caso, polos intereses dos empresarios, comerciantes e traballadores autónomos de Riveira.

Actualmente, a Asociación de Empresarios de Riveira, constitúe a representación máis fiel do empresario do noso municipio e aglutina no seu seo a 410 asociados de practicamente todas as actividades económicas que se desenvolvan no seu ámbito territorial, destacando de modo especial as adicadas ao sector comercial, construción, pesca e a transformación dos produtos do mar (frigoríficos, conserveiras, produtos conxelados e precociñados, hostelaría,...)

A Asociación é o punto de enlace imprescindible entre as Administracións Públicas e os empresarios de Riveira e o nexo preciso e indispensable para permitir unha comunicación a nivel global entre todos estos. No campo do turismo, a Asociación sempre estivo presente na Feria Internacional de Turismo (FITUR) e acolleu durante varios anos ao Centro de Iniciativas Turísticas do Barbanza. Ademais, a ela débeselle a produción dun vídeo que evidencia o atractivo turístico de Riveira e a periódica emisión de folletos de información turística que decididamente contribuiu e segue facéndoo ao crecemento do número de visitantes da cidade e do seu municipio.

Implicada sempre nos proxectos cuxo obxecto é o desenvolvemento e a mellora das infraestruturas necesarias para o lanzamento comercial e industrial de Riveira, a súa labor foi decisiva na construción do Polígono Industrial de Xarás e continúa reclamando sen tregua a mellora das vías de comunicación que enlazan Riveira cos principais puntos de comunicación de Galicia e España.

Merece unha mención significativa o apoio e impulso que a Asociación proporcionou ao comercio minorista mediante a organización de campañas comerciais que significaron un éxito rotundo de participación e venda, a colaboración con entidades financeiras co fin de establecer sistemas de compra mediante crédito en tarxeta e a loita constante en defensa dos intereses dos comerciantes nunha materia tan delicada coma a do horario comercial.

De todo isto pódese chegar á conclusión de que a Asociación de Empresarios de Riveira é unha sociedade dinámica, cunha clara e firme vocación informadora, formadora e asistencial do seu sector empresarial e un interlocutor imprescindible para calquera administración pública ou privada que pretenda realizar calquera actividade na nosa cidade e municipio.